lunes, 15 de mayo de 2023

SOCIOLINGÜÍSTICA (II)

Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos.

Se nunha comunidade hai dúas linguas en contacto, estas reproducen a xerarquía social existente dentro dela: unha das linguas -a dominante- vai ocupando progresivamente os ámbitos da outra -a dominada- e provocando a súa substitución. A esta lingua dominada ou recesiva (que vai perdendo usos) chámaselle tamén lingua minorizada e é empregada unicamente nos ámbitos socioculturais máis baixos e ignorada ou desprezada nos máis elevados, dos que foi desprazada pola lingua dominante

Un dos moitos obstáculos no camiño da normalización é a vixencia de determinados estereotipos e prexuízos lingüísticos que pretenden transmitir a idea de que a lingua minorizada (o galego no noso caso) non é tan válida para o desenvolvemento como a hexemónica, polo que non ten futuro:
-o galego é propio do mundo rural
-o galego non serve para as matemáticas ou a informática
-o galego non serve para nada fóra do territorio
-o que hai que aprender é inglés e non galego
-o galego só o falan os nacionalistas
-o galego normativo é “inventado”
-o galego non ten sentido no mundo actual globalizado e con Internet

Todas son falsas verdades e tamén se aplican noutros casos de linguas minorizadas. O galego é unha lingua tan válida coma calquera outra en todas as situacións.

Se non existisen estes prexuízos poderiamos falar dun bilingüismo harmónico entre as dúas linguas, unha convivencia pacífica na que cada quen fale o que lle apeteza e domine ben os dous idiomas. Esta solución pode hoxe darse en determinados falantes mais aínda semella utópica no conxunto da sociedade na que seguen vixentes os citados prexuízos lingüísticos.


Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A existencia dunha variedade estándar -a que se usa nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear esa dispersión.

O galego, lingua de reis e dos cancioneiros medievais, tardou en contar cunha variedade estándar, o que se coñece co nome de normativización lingüística: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar.

As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil, no noso caso é o castelán o que actúa sobre o galego. Aparecen en todos os planos da lingua. TIPO DE CASTELANISMOS:

- No plano fónico: Redución do sistema vocálico de 7 vogais a 5, eliminando a oposición entre semiabertas e semipechadas

- No plano morfolóxico: cambio de xénero de determinados substantivos (*o ponte, *a sangue), seguindo a norma castelá, confusión dos pronomes TE/CHE, uso de tempos verbais compostos

- No plano sintáctico: incorrecta colocación dos pronomes átonos

- No plano léxico é onde máis abundan e responden a diferentes motivacións: prevalencia da palabra coincidente co castelán (comprar por mercar), restrición do significado, adoptando a palabra castelá para a realidade de maior prestixio (billa / *grifo), substitución da forma galega pola castelá (*arcilla por arxila, *tenedor por garfo...)

Chamámoslles desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos, dialectalismos), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos). 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

VARIEDADES LINGÜÍSTICAS GALEGO

Unidade e variantes do galego Todas as linguas teñen distintas formas de falarse: unha estudante, un mariñeiro e unha médica, fal...