Esquema de Lourdes Doménech para comentar un texto narrativo
O TEMA
O tema é o asunto do que trata a historia: o que unha nai é capaz de facer polos seus fillos. As consecuencias emocionais das mentiras. A falta de liberdade de expresión nun país baixo unha ditadura militar. As consecuencias psicolóxicas do incesto. O amor prohibido (Romeo e Xulieta). A envexa e os celos (Brancaneves)...
O ARGUMENTO
O argumento é o conxunto de accións que realizan os personaxes no desenvolvemento da historia, dispostas en orde cronolóxica e sen relacións causais. (Había unha vez un señor que fixo isto, e daquela aquilo, e despois isto outro, e ao final pasou isto)
Por exemplo: Dous irmáns son abandonados no bosque polos seus pais. Pérdense, atopan unha casiña de chocolate e quedan a vivir coa súa dona, unha anciá que resulta ser unha bruxa que encerra ao neno e engórdao para comerllo, mentres a nena ten que facer tarefas da casa. Pero os nenos logran enganar á bruxa, e conseguen fuxir e atopar o camiño para reunirse co pai. ( Hansel e Gretel, Irmáns Grimm.)
A TRAMA
A partir do argumento (sucesión en orde cronolóxica dos feitos, sen relación causal), elaboraremos a estrutura da historia, é dicir, a trama: a forma en que presentaremos os feitos, que pode coincidir ou non coa orde cronolóxica do argumento, e as súas relacións causais.
A trama impón a estrutura do relato, desde a cantidade e extensión dos capítulos dunha novela, ata as anacronías: o relato pode empezar polo principio (ab ovo), polo medio (In media res), polo final (In extrema res), conter retrospeccións ( analepses ou flash back), ou prospeccións (prolepses ou flash foward).
A analepse ("flashback”) é unha técnica que altera a secuencia cronolóxica da historia e trasládanos cara ao pasado. Utilízase moitas veces cando un personaxe comeza a lembrar algo que lle sucedeu ou cando se retrocede no tempo da narración.
A prolepse ("flashforward”) é un salto cara a adiante no tempo, para despois retornar ao momento presente da narración, actuando como recurso de anticipación máis aló dos límites do relato.
O xogo da guerra é o primeiro relato do
primeiro libro publicado polo escritor Carlos Casares, Vento ferido (1967).
Déixovos a continuación unha
curtametraxe realizada por uns alumnos dun instituto de Xinzo da Limia (pobo
natal de Casares) na que se adapta á pantalla esta pequena obra.
“O xogo da guerra”
Botaron a sortes e
tocoume a min. Eu penso que fixeron trampa, pero calei. Díxome o Rata:
"Vai". Eu non quería ir, digo a verdade. Pero cando o Rata dicía vai,
había que ir. O Rata estaba tolo, segundo a miña nai. Pero eu penso que non
estaba tolo, que era atravesado e de mala lei. "Vai", dixo outra vez.
E fun. A casa de don Domingo quedaba lonxe. Algo asó como a dous quilómetros.
Tiven que dar un rodeo para non pasar por diante da zapatería do meu pai.
Pensei:"escapo para a casa e xa está". Pero collín medo. Ademais ía
calor e na casa no verán non se para coas moscas. Cheguei ao chalé de don
Domingo e berrei: -¡Zalo...!
Ladraron os cans.
Agardei un pouco e volvín chamar:
-¡Zalo..!
Cando apareceu, de seguida me dei conta de que viña de durmir a sesta. Díxome:
"¿Que pasa!? Eu díxenlle: "O Rata agárdate no río. Cazou unha
bolboreta moi bonita. Di que vaias, que cha dá para a coleción". O Zalo
era tolo polas bolboretas. E o Rata, que cabrón, cómo lle sabía dar co gusto á
xente. -¿Onde está o Rata? -No campo da Bomba. Saímos correndo. Cando chegamos,
o Rata estaba bañandose no río. Ao nos ver, saíu. Mirou ao Zalo con cara de
atravesado e díxolle: "Hola, "¿Queres a bolboreta?". O Zalo
volveuse cara a min como preguntando. A verdade, eu non quería. O Rata asubiou
e entre todos botáronse ao Zalo. Espírono e atárono a un amieiro. O Zalo
choraba e a min déronme ganas de chorar. Eso non se lle fai a ninguén e menos a
traición. O Rata chuspiulle alí, naquel sitio, e chamoulle caguetas. "Non
se chora", dixo. Despois colleu un vimbio e pasoullo polas pernas o pola
barriga sen lle dar. Botamos a sortes e tocoume a min. Quixen fuxir ou tirarme
ao río, pero o Rata miroume así, como mira el, e collín o vimbio.
"Veña"- Díxenlle que non. "Mira, Rafael, que te imos atar a
ti". "Non", "Mira Rafael, que non me enchas".
"Mira Rafael..." Pola voz souben que me ía dicir o da miña nai.
Agarrei o vimbio e funme cara ó Zalo. Eu non quería, ben o sabe Deus. E deille
no pescozo. Os outros berraron: "¡Máis!" E eu non vía. E
daba. E sentía o
sol dentro da cabeza e os chíidos do Zalo, que se me espetaban nos ouvidos. E
daba. "¡Máis!" Doíame o brazo de tanto subir e baixar.
"¡Máis!" Cando mirei para o Zalo gañei medo. Sangraba por todas
partes e comíano as moscas. Estaba como morto. Non falaba. O Rata e os outros
fuxiron. Eu tamén fuxín. Eu non quería, digo a verdade. Díxenllo a aquel señor,
pero non me fixeron caso. Tamén lle dixen que fora por sortes, que em tocara a
min. Pero non me escoitou. Faloume do inferno e entón calei.
Agora estou neste
colexio. Aquí levo un ano. É primavera e non podo saír. Ao mellor saio para
xuño. Onte leváronme á sala de castigos. Din que non se pode andar sós, que hai
que xogar. Tampouco se pode andar de dous an dous. A puta que os pariu a todos.
Eu quero andar só para pensar. A min non me gusta xogar ao fútbol nin ao
frontón. Gústame xogar no labavo. E non se pode. Está prohibido. Pero polas
noites, cando todos dormen, érgome e vou aos lavabos e xogo á guerra. Pollo día
collo moscas e gárdoas nunha caixa de mistos. Pola noite meto as moscas na
pileta e ábrolle á billa, pouquiño a pouco, paseniño. As moscas soben, foxen
pola pileta enriba, pero eu doulles para abaixo cunha paliña e afogan. É a
guerra. Un día colléronme e leváronme á sala de castigos. E chamáronme marrán
por andar coas moscas nas mans. ¿E que? Se non fose pola guerra, podrecía de
noxo. No inverno, como non había moscas, xogaba cos cachiños de papel, pero non
é tan bonito.
Para xullo din que
saio. O Rata, ao mellor, pensa que me esquecín. Estache bon. Estache bon. Heino
arranxar ben arranxado. El ha pensar que somos amigos. Estache bon ¡Ai, Rata!
“¿Vés ao río?” El vén, que lle gusta moito. “¿Xogamos aos submarinos?” El xoga,
que lle gusta moito xogar aos submarinos. Primeiro paso eu. Paso dúas ou tres
veces. Despois que pase el. Eu escarránchome e el pasa por debaixo da auga
entre as miñas pernas. E así dúas ou tres veces, para que se confíe. Pouquiño a
pouco. Paseniño. E entón, hala, cando pase, pecho as pernas e queda preso polo
pescozo. Pouquiño a pouco. Paseñino. Como as moscas da pileta.
Carlos Casares, Vento ferido (1967)
EXPLICA E XUSTIFICA:
1. Tema e
argumento.
2.
Narrador.
3. Tempo e
espazo.
4.
Personaxes (principais e secundarios: características físicas e psicolóxicas).
5. Sinala
as características da Nova Narrativa que aparecen neste texto.
Analizaremos as características da NNG presentes nestes
relatos. As respostas deberán xustificarse achegando exemplos dos textos.
O Suso
A voz do Suso chegou a min fortemente,
como unha corneta que rinchase: -Manolito. Baixa. Baixa.
Eu obedecín. Todos os rapaces da Barbaña obedeciamos ao Suso. Il era
sorprendente. Tiña uns ollos escuros; ollos de animal de baixoterra, opacos,
fixos. Non era posíbel deixar de cumprir os seus desexos. Il non mandaba,
simplesmente desexaba. Estivera tirando pedriñas contra os vidros do meu
cuarto. Eu abrira a fiestra e el berroume duro:
-Manolito. Baixa. Baixa.
Baixei. Desencolgueime pola vella cepa, máis vella que o meu avó, aquela
tan vella que facía garda inmóbil na porta da nosa casoupa da Barbaña.
-Hai un rapaz no río -díxome o Suso.
Eu non lle demandei se é que o rapaz afogara. Pero voltei a testa,
inquirindo, como a testa dunha víbora. Respondeume:
-Está cerca da Pasarela. Ten os ollos abertos... Éche un rapaz. Detívose e
preguntoume pregando o entrecello:
-Tes medo? Ía eu premitir que o Suso supuxera aquilo? En verdade tiña
medo. Pero o caso é que tódolos rapaces da Barbaña tolearían de pracer se Suso
os fora tirardo leito ás dúas da mañá para ir ver un
afogado. E eu mesmo sentía un pracer xugoso e doce, coma se mordera unha grande
mazá que me enchera a boca.
Pro eu tiña medo e sabía que chegado o intre había ter aínda máis medo.
Díxenlle: -Non. Non teño medo. E logo? Puxémonos a andar á beira do río. A
néboa era lixeira, coma un cristal algo suxo. Facía frío. Saíra con roupa de
menos ecando me din de conta daba dente con
dente. -Estou aterecido, Suso.
Il non respondeu. Agora que recordo xa non dixo máis nada en todo o tempo
que durou o noso camiñar á beira do río.
Daba eu un paso e un medo novo botábame unha poutada igoal que un gato
bravo, alritado.
O río da Barbaña fede: alí concéntrase toda a merda de Ourense.
Ergueuse vento e tiven máis frío. Pero, sobre de todo, molestoume o grande
rumor dos canavais, axitados coma unha cabeleira erecta que berrase. Fixeime no
Suso. O Suso sempre tranquilizaba coa cara morena e fina que il tiña e os
xeitos seguros. E a ponto estiven de berrar: o Suso ía coa cabeza baixa,
camiñando con pasos inseguros, todo denotando nil inseguridade. Fiquei perplexo
e pareime, cos ollos moi abertos. Il non fixo nada máis que isto: olloume
fixamente, fixamente. Como soio il sabía ollar. Eu recuperei a calma no acto.
Saquei dous pitos que lle roubara ao meu pai. O Suso dixo que non coa
cachola. Eu acendín un. Pareime. O Suso seguía a andar. Dinme de conta de que
as pegadas do Suso non erguían absolutamente ningún bruído e por segunda vez
estiven a ponto de berrare... Pro mordín o labre inferior e seguín, notando que
un delgado sangue me escoaba polo queixo. O Suso parouse. Estaba algo lonxe de
min, enriba dunha cañería de formigón armado. Pareceume alto e lonxe. E moito.
Berroume como adoitaba berrar, como unha corneta:
-Manolito. Xa chegamos. Está na orela. Ti busca por alí. Eu vou por alá. As
últimas palabras removéronme e puxéronme carne de galiña. Tatexei: -Non...
Non... E il repitiu:
-Eu vou por alá. Vin desaparecer os seus ollos opacos e poderosos. Foise. E
eu púxenme a buscar o rapaz afogado ao resplandor escasísimo que viña do bairrodo Couto. O vento rizaba a iauga porca da Barbaña. E
batíame o fedor na cara coma unha suxamao.
Metín un pé no río e mordeume un frío agudo. E atopei ao rapaz afogado, na
beira, a flor de auga. Foise o medo inexplicabelmente. Era un rapaz -visto
antre a néboa, antre a iauga, á luz lonxana do Couto- deproporcións parellas ás do Suso ou ás miñas. Chamei:
-Suso. Suso. Suso.
Fungaban -iso si- as canas, pero o Suso non me respostou. -Suso. Suso.
Suso. Dinlle a volta moi asustado, pro sen medo. Dinlle a volta. O rapaz
afogado tiña ollosde
animal de baixoterra. Tiña os ollos do Suso. Tiña a ademirada cara do Suso. O
rapaz afogado era o Suso.
Botei un berro liso e longo como unha lombriga. A néboa espesara. O vento
quería fender os canavais. Voltei a berrar e o berro foi outra vez longo e
repulsivo. Caín. Erguinme. Iniciei unha carreira cega.
Ao final da miña fuxida de pequena besta horrorizada, estaba a miña casa. E
metinme na cama acorado e molladísimo.
Pasou o tempo. Pasou o que quedaba de noite, nun estado de
semi-inconsciencia. E toda a rapazallada do bairro comenzou a berrar embaixo da
miña fenestra: -Manolito, Manolito. O Suso afogou onte no río. O Suso afogou
onte no río. Erginme e mirei o río. Era día grande. Non había néboa.
Xosé
Luís Méndez Ferrín, O crepúsculo e as formigas, 1961
CARACTERÍSTICAS QUE PRESENTAN AS NOVELAS DA
NOVA NARRATIVA GALEGA: