domingo, 1 de mayo de 2022

NNG - O XOGO DA GUERRA

O XOGO DA GUERRA (Vento ferido, Carlos Casares)
O xogo da guerra é o primeiro relato do primeiro libro publicado polo escritor Carlos Casares, Vento ferido (1967).

Déixovos a continuación unha curtametraxe realizada por uns alumnos dun instituto de Xinzo da Limia (pobo natal de Casares) na que se adapta á pantalla esta pequena obra.



“O xogo da guerra”
Botaron a sortes e tocoume a min. Eu penso que fixeron trampa, pero calei. Díxome o Rata: "Vai". Eu non quería ir, digo a verdade. Pero cando o Rata dicía vai, había que ir. O Rata estaba tolo, segundo a miña nai. Pero eu penso que non estaba tolo, que era atravesado e de mala lei. "Vai", dixo outra vez. E fun. A casa de don Domingo quedaba lonxe. Algo asó como a dous quilómetros. Tiven que dar un rodeo para non pasar por diante da zapatería do meu pai. Pensei:"escapo para a casa e xa está". Pero collín medo. Ademais ía calor e na casa no verán non se para coas moscas. Cheguei ao chalé de don Domingo e berrei: -¡Zalo...!
Ladraron os cans. Agardei un pouco e volvín chamar:
-¡Zalo..!
Cando apareceu, de seguida me dei conta de que viña de durmir a sesta. Díxome: "¿Que pasa!? Eu díxenlle: "O Rata agárdate no río. Cazou unha bolboreta moi bonita. Di que vaias, que cha dá para a coleción". O Zalo era tolo polas bolboretas. E o Rata, que cabrón, cómo lle sabía dar co gusto á xente. -¿Onde está o Rata? -No campo da Bomba. Saímos correndo. Cando chegamos, o Rata estaba bañandose no río. Ao nos ver, saíu. Mirou ao Zalo con cara de atravesado e díxolle: "Hola, "¿Queres a bolboreta?". O Zalo volveuse cara a min como preguntando. A verdade, eu non quería. O Rata asubiou e entre todos botáronse ao Zalo. Espírono e atárono a un amieiro. O Zalo choraba e a min déronme ganas de chorar. Eso non se lle fai a ninguén e menos a traición. O Rata chuspiulle alí, naquel sitio, e chamoulle caguetas. "Non se chora", dixo. Despois colleu un vimbio e pasoullo polas pernas o pola barriga sen lle dar. Botamos a sortes e tocoume a min. Quixen fuxir ou tirarme ao río, pero o Rata miroume así, como mira el, e collín o vimbio. "Veña"- Díxenlle que non. "Mira, Rafael, que te imos atar a ti". "Non", "Mira Rafael, que non me enchas". "Mira Rafael..." Pola voz souben que me ía dicir o da miña nai. Agarrei o vimbio e funme cara ó Zalo. Eu non quería, ben o sabe Deus. E deille no pescozo. Os outros berraron: "¡Máis!" E eu non vía. E

daba. E sentía o sol dentro da cabeza e os chíidos do Zalo, que se me espetaban nos ouvidos. E daba. "¡Máis!" Doíame o brazo de tanto subir e baixar. "¡Máis!" Cando mirei para o Zalo gañei medo. Sangraba por todas partes e comíano as moscas. Estaba como morto. Non falaba. O Rata e os outros fuxiron. Eu tamén fuxín. Eu non quería, digo a verdade. Díxenllo a aquel señor, pero non me fixeron caso. Tamén lle dixen que fora por sortes, que em tocara a min. Pero non me escoitou. Faloume do inferno e entón calei.
Agora estou neste colexio. Aquí levo un ano. É primavera e non podo saír. Ao mellor saio para xuño. Onte leváronme á sala de castigos. Din que non se pode andar sós, que hai que xogar. Tampouco se pode andar de dous an dous. A puta que os pariu a todos. Eu quero andar só para pensar. A min non me gusta xogar ao fútbol nin ao frontón. Gústame xogar no labavo. E non se pode. Está prohibido. Pero polas noites, cando todos dormen, érgome e vou aos lavabos e xogo á guerra. Pollo día collo moscas e gárdoas nunha caixa de mistos. Pola noite meto as moscas na pileta e ábrolle á billa, pouquiño a pouco, paseniño. As moscas soben, foxen pola pileta enriba, pero eu doulles para abaixo cunha paliña e afogan. É a guerra. Un día colléronme e leváronme á sala de castigos. E chamáronme marrán por andar coas moscas nas mans. ¿E que? Se non fose pola guerra, podrecía de noxo. No inverno, como non había moscas, xogaba cos cachiños de papel, pero non é tan bonito.
Para xullo din que saio. O Rata, ao mellor, pensa que me esquecín. Estache bon. Estache bon. Heino arranxar ben arranxado. El ha pensar que somos amigos. Estache bon ¡Ai, Rata! “¿Vés ao río?” El vén, que lle gusta moito. “¿Xogamos aos submarinos?” El xoga, que lle gusta moito xogar aos submarinos. Primeiro paso eu. Paso dúas ou tres veces. Despois que pase el. Eu escarránchome e el pasa por debaixo da auga entre as miñas pernas. E así dúas ou tres veces, para que se confíe. Pouquiño a pouco. Paseniño. E entón, hala, cando pase, pecho as pernas e queda preso polo pescozo. Pouquiño a pouco. Paseñino. Como as moscas da pileta.
Carlos Casares, Vento ferido (1967)
EXPLICA E XUSTIFICA:

1. Tema e argumento.

2. Narrador.

3. Tempo e espazo.
4. Personaxes (principais e secundarios: características físicas e psicolóxicas).
5. Sinala as características da Nova Narrativa que aparecen neste texto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

VARIEDADES LINGÜÍSTICAS GALEGO

Unidade e variantes do galego Todas as linguas teñen distintas formas de falarse: unha estudante, un mariñeiro e unha médica, fal...