domingo, 1 de mayo de 2022

NNG - O XOGO DA GUERRA

O XOGO DA GUERRA (Vento ferido, Carlos Casares)
O xogo da guerra é o primeiro relato do primeiro libro publicado polo escritor Carlos Casares, Vento ferido (1967).

Déixovos a continuación unha curtametraxe realizada por uns alumnos dun instituto de Xinzo da Limia (pobo natal de Casares) na que se adapta á pantalla esta pequena obra.



“O xogo da guerra”
Botaron a sortes e tocoume a min. Eu penso que fixeron trampa, pero calei. Díxome o Rata: "Vai". Eu non quería ir, digo a verdade. Pero cando o Rata dicía vai, había que ir. O Rata estaba tolo, segundo a miña nai. Pero eu penso que non estaba tolo, que era atravesado e de mala lei. "Vai", dixo outra vez. E fun. A casa de don Domingo quedaba lonxe. Algo asó como a dous quilómetros. Tiven que dar un rodeo para non pasar por diante da zapatería do meu pai. Pensei:"escapo para a casa e xa está". Pero collín medo. Ademais ía calor e na casa no verán non se para coas moscas. Cheguei ao chalé de don Domingo e berrei: -¡Zalo...!
Ladraron os cans. Agardei un pouco e volvín chamar:
-¡Zalo..!
Cando apareceu, de seguida me dei conta de que viña de durmir a sesta. Díxome: "¿Que pasa!? Eu díxenlle: "O Rata agárdate no río. Cazou unha bolboreta moi bonita. Di que vaias, que cha dá para a coleción". O Zalo era tolo polas bolboretas. E o Rata, que cabrón, cómo lle sabía dar co gusto á xente. -¿Onde está o Rata? -No campo da Bomba. Saímos correndo. Cando chegamos, o Rata estaba bañandose no río. Ao nos ver, saíu. Mirou ao Zalo con cara de atravesado e díxolle: "Hola, "¿Queres a bolboreta?". O Zalo volveuse cara a min como preguntando. A verdade, eu non quería. O Rata asubiou e entre todos botáronse ao Zalo. Espírono e atárono a un amieiro. O Zalo choraba e a min déronme ganas de chorar. Eso non se lle fai a ninguén e menos a traición. O Rata chuspiulle alí, naquel sitio, e chamoulle caguetas. "Non se chora", dixo. Despois colleu un vimbio e pasoullo polas pernas o pola barriga sen lle dar. Botamos a sortes e tocoume a min. Quixen fuxir ou tirarme ao río, pero o Rata miroume así, como mira el, e collín o vimbio. "Veña"- Díxenlle que non. "Mira, Rafael, que te imos atar a ti". "Non", "Mira Rafael, que non me enchas". "Mira Rafael..." Pola voz souben que me ía dicir o da miña nai. Agarrei o vimbio e funme cara ó Zalo. Eu non quería, ben o sabe Deus. E deille no pescozo. Os outros berraron: "¡Máis!" E eu non vía. E

daba. E sentía o sol dentro da cabeza e os chíidos do Zalo, que se me espetaban nos ouvidos. E daba. "¡Máis!" Doíame o brazo de tanto subir e baixar. "¡Máis!" Cando mirei para o Zalo gañei medo. Sangraba por todas partes e comíano as moscas. Estaba como morto. Non falaba. O Rata e os outros fuxiron. Eu tamén fuxín. Eu non quería, digo a verdade. Díxenllo a aquel señor, pero non me fixeron caso. Tamén lle dixen que fora por sortes, que em tocara a min. Pero non me escoitou. Faloume do inferno e entón calei.
Agora estou neste colexio. Aquí levo un ano. É primavera e non podo saír. Ao mellor saio para xuño. Onte leváronme á sala de castigos. Din que non se pode andar sós, que hai que xogar. Tampouco se pode andar de dous an dous. A puta que os pariu a todos. Eu quero andar só para pensar. A min non me gusta xogar ao fútbol nin ao frontón. Gústame xogar no labavo. E non se pode. Está prohibido. Pero polas noites, cando todos dormen, érgome e vou aos lavabos e xogo á guerra. Pollo día collo moscas e gárdoas nunha caixa de mistos. Pola noite meto as moscas na pileta e ábrolle á billa, pouquiño a pouco, paseniño. As moscas soben, foxen pola pileta enriba, pero eu doulles para abaixo cunha paliña e afogan. É a guerra. Un día colléronme e leváronme á sala de castigos. E chamáronme marrán por andar coas moscas nas mans. ¿E que? Se non fose pola guerra, podrecía de noxo. No inverno, como non había moscas, xogaba cos cachiños de papel, pero non é tan bonito.
Para xullo din que saio. O Rata, ao mellor, pensa que me esquecín. Estache bon. Estache bon. Heino arranxar ben arranxado. El ha pensar que somos amigos. Estache bon ¡Ai, Rata! “¿Vés ao río?” El vén, que lle gusta moito. “¿Xogamos aos submarinos?” El xoga, que lle gusta moito xogar aos submarinos. Primeiro paso eu. Paso dúas ou tres veces. Despois que pase el. Eu escarránchome e el pasa por debaixo da auga entre as miñas pernas. E así dúas ou tres veces, para que se confíe. Pouquiño a pouco. Paseniño. E entón, hala, cando pase, pecho as pernas e queda preso polo pescozo. Pouquiño a pouco. Paseñino. Como as moscas da pileta.
Carlos Casares, Vento ferido (1967)
EXPLICA E XUSTIFICA:

1. Tema e argumento.

2. Narrador.

3. Tempo e espazo.
4. Personaxes (principais e secundarios: características físicas e psicolóxicas).
5. Sinala as características da Nova Narrativa que aparecen neste texto.

sábado, 30 de abril de 2022

NNG - O SUSO

Analizaremos as características da NNG presentes nestes relatos. As respostas deberán xustificarse achegando exemplos dos textos.
 O Suso
A voz do Suso chegou a min fortemente, como unha corneta que rinchase: -Manolito. Baixa. Baixa.
Eu obedecín. Todos os rapaces da Barbaña obedeciamos ao Suso. Il era sorprendente. Tiña uns ollos escuros; ollos de animal de baixoterra, opacos, fixos. Non era posíbel deixar de cumprir os seus desexos. Il non mandaba, simplesmente desexaba. Estivera tirando pedriñas contra os vidros do meu cuarto. Eu abrira a fiestra e el berroume duro:
-Manolito. Baixa. Baixa.
Baixei. Desencolgueime pola vella cepa, máis vella que o meu avó, aquela tan vella que facía garda inmóbil na porta da nosa casoupa da Barbaña.
-Hai un rapaz no río -díxome o Suso.
Eu non lle demandei se é que o rapaz afogara. Pero voltei a testa, inquirindo, como a testa dunha víbora. Respondeume:
-Está cerca da Pasarela. Ten os ollos abertos... Éche un rapaz.
Detívose e preguntoume pregando o entrecello:

-Tes medo?
Ía eu premitir que o Suso supuxera aquilo? En verdade tiña medo.
Pero o caso é que tódolos rapaces da Barbaña tolearían de pracer se Suso os fora tirar do leito ás dúas da mañá para ir ver un afogado. E eu mesmo sentía un pracer xugoso e doce, coma se mordera unha grande mazá que me enchera a boca.
Pro eu tiña medo e sabía que chegado o intre había ter aínda máis medo. Díxenlle: -Non. Non teño medo. E logo?
Puxémonos a andar á beira do río.
A néboa era lixeira, coma un cristal algo suxo. Facía frío. Saíra con roupa de menos e cando me din de conta daba dente con dente. -Estou aterecido, Suso.
Il non respondeu. Agora que recordo xa non dixo máis nada en todo o tempo que durou o noso camiñar á beira do río.
Daba eu un paso e un medo novo botábame unha poutada igoal que un gato bravo, alritado.
O río da Barbaña fede: alí concéntrase toda a merda de Ourense.
Ergueuse vento e tiven máis frío. Pero, sobre de todo, molestoume o grande rumor dos canavais, axitados coma unha cabeleira erecta que berrase. Fixeime no Suso. O Suso sempre tranquilizaba coa cara morena e fina que il tiña e os xeitos seguros. E a ponto estiven de berrar: o Suso ía coa cabeza baixa, camiñando con pasos inseguros, todo denotando nil inseguridade. Fiquei perplexo e pareime, cos ollos moi abertos. Il non fixo nada máis que isto: olloume fixamente, fixamente. Como soio il sabía ollar. Eu recuperei a calma no acto.
Saquei dous pitos que lle roubara ao meu pai. O Suso dixo que non coa cachola. Eu acendín un. Pareime. O Suso seguía a andar. Dinme de conta de que as pegadas do Suso non erguían absolutamente ningún bruído e por segunda vez estiven a ponto de berrare... Pro mordín o labre inferior e seguín, notando que un delgado sangue me escoaba polo queixo. O Suso parouse. Estaba algo lonxe de min, enriba dunha cañería de formigón armado. Pareceume alto e lonxe. E moito. Berroume como adoitaba berrar, como unha corneta:
-Manolito. Xa chegamos. Está na orela. Ti busca por alí. Eu vou por alá. As últimas palabras removéronme e puxéronme carne de galiña. Tatexei: -Non... Non...
E il repitiu:
-Eu vou por alá.
Vin desaparecer os seus ollos opacos e poderosos. Foise.
E eu púxenme a buscar o rapaz afogado ao resplandor escasísimo que viña do bairro do Couto.
O vento rizaba a iauga porca da Barbaña. E batíame o fedor na cara coma unha suxa mao. Metín un pé no río e mordeume un frío agudo.
E atopei ao rapaz afogado, na beira, a flor de auga.
Foise o medo inexplicabelmente.
Era un rapaz -visto antre a néboa, antre a iauga, á luz lonxana do Couto- de proporcións parellas ás do Suso ou ás miñas. Chamei: -Suso. Suso. Suso.
Fungaban -iso si- as canas, pero o Suso non me respostou.
-Suso. Suso. Suso.
Dinlle a volta moi asustado, pro sen medo. Dinlle a volta. O rapaz afogado tiña ollos de animal de baixoterra. Tiña os ollos do Suso. Tiña a ademirada cara do Suso. O rapaz afogado era o Suso.
Botei un berro liso e longo como unha lombriga. A néboa espesara. O vento quería fender os canavais. Voltei a berrar e o berro foi outra vez longo e repulsivo. Caín. Erguinme. Iniciei unha carreira cega.
Ao final da miña fuxida de pequena besta horrorizada, estaba a miña casa. E metinme na cama acorado e molladísimo.
Pasou o tempo.
Pasou o que quedaba de noite, nun estado de semi-inconsciencia.
E toda a rapazallada do bairro comenzou a berrar embaixo da miña fenestra: -Manolito, Manolito. O Suso afogou onte no río. O Suso afogou onte no río. Erginme e mirei o río. Era día grande. Non había néboa.
Xosé Luís Méndez Ferrín, O crepúsculo e as formigas, 1961

CARACTERÍSTICAS QUE PRESENTAN AS NOVELAS DA NOVA NARRATIVA GALEGA:





viernes, 29 de abril de 2022

NOVA NARRATIVA GALEGA (NNG)


VISUALIZAR A PARTIR DO MINUTO 14' 20"


A chamada “Nova Narrativa Galega” (NNG) é un conxunto de obras editadas entre fins dos 50 e comezos dos 70 que inauguran un novo xeito de narrar en contraposición ás fórmulas tradicionais, representadas no caso galego polas obras narrativas dos membros da Xeración Nós (Otero, Risco, Castelao) e dos seus continuadores (Carballo Calero, Ánxel Fole, Cunqueiro ou Neira Vilas).

A NNG supón unha asimilación consciente dunha serie de técnicas, temas e procesos fondamente renovadores utilizados na narrativa universal do século XX.

 INFLUENCIAS: Cambios na narrativa a nivel mundial: Freud, James Joyce, Kafka

CARACTERÍSTICAS QUE PRESENTAN AS NOVELAS DA NOVA NARRATIVA GALEGA:

● Fuxida da localización concreta dos espazos (aínda que é clara a preferencia por ambientes urbanos e non rurais), 
●    Redución temporal.
● Pluralidade de voces narrativas e alternancia de narradores en 1ª e 3ª persoa  e abundante emprego da técnica do monólogo interior (exploración do subsconsciente, discurso mental non pronunciado, fluír da conciencia)
● Creación de mundos literarios artificiais e enigmáticos e fusión desacougante e inquietante de realidade e fantasía.
● Tema do absurdo existencial, intentando producir un sentimento de angustia no lector. Esta narrativa manexa personaxes problemáticas, submidas en estados patolóxicos, na loucura e con personalidades desdobradas. Son figuras que non logran delimitar fielmente os límites entre soño e realidade.
● Presenza reiterada da violencia, da agresividade e da tensión nas relacións humanas. Os sexo e a morte son ideas obsesivas nestas novelas.
● Abundantes referencias literarias e culturais, uso de textos e fragmentos doutros autores, repetición de temas e motivos doutras obras (especialmente dos de Kafka). 

EN CONCLUSIÓN: 
-               TEMÁTICA:  Expresión do  absurdada  existencia,  pesimismo, desesperanza;  asasinatos, suicidios, fracasos   persoais, amor insatisfeito, soidade, illamento, episodios patolóxicos...
- PERSONAXES:  Perdidos, desnorteados, movidos polas  circunstancias,sen control do  seu destino, violentos,  agresivos, solitarios, desequilibrados, autodestrutivos...  antiheroes.
  - TEMPO:   Gusto pola ruptura da orde cronolóxica (analepeses, prolepses...) redución radical do tempo.  
 - ESPAZOS:  Maioritariamente urbanos ou suburbiais. Fuxida consciente do ruralismo. Ambientes claustrofóbicos, sórdidos. Cosmopolitismo, localizacións estranxeiras.
  - NARRADOR:  Preferencia pola primeira persoa  protagonista  e as perspectivas  obxectivistas, que mostran a   historia sen explicala, multiperspectivismo, monólogo interior.
  - ESTILO: Simple, oracións curtas, marcada tendencia ao coloquialismo,fuxida da retórica; descricións de natureza obxectalista; gusto pola mesturade xéneros,  pola narrativa “collage”.

(a partir do min 14)


 PRINCIPAIS OBRAS E AUTORES DA NOVA NARRATIVA GALEGA
Por regra xeral acostuma indicarse como data fundacional 1956, ano en que se publica Memoria de Tains, de Gonzalo Rodríguez Mourullo. A data límite é máis borrosa: para algún péchase coa publicación en 1972 de Adiós, María, de Xohana Torres; para outros prolóngase aínda en novelas como Cara Times Square (1980), de Camilo Gonsar.

   X. L. MÉNDEZ FERRÍN:  
As súas tres primeiras obras encádranseclaramente dentro das características da NNG:  personaxes  problemáticos (violentos,  incomunicados, con diversas patoloxías...), espazos urbanos, estilo  menos elaborado.... A partir de Retorno a Tagen Ata (1971), o experimentalismo vaise reducindo, ao tempo que a  realidade social e politica galega vai cobrando máis peso.
-       Reconstrución e interpretación dun pasado mítico que remite á cultura celta ou á materia artúrica.
-       Constante relación entre realidade e fantasía.
-       Profusión de topónimos e antropónimos de aparencia céltica, oriental ou nórdica: Ulm, Nmógadah, Grieih...
-       Creación de espazos literarios propios cargados de simbolismo: Tagen Ata, Terra Ancha, Grande Fraga...
-       Grande presenza de  intertextualidade:  personaxes, espazos, situacións, que se van repetindo  en obras diferentes e incorporación de elementosliterarios doutros autores.
    Obras:  Percival e outras historias,  O crepúsculo e as formigas, Arrabaldo do norte, Retorno a Tagen   Ata, Bretaña, Esmeraldina, No ventre do silencio.

  CARLOS CASARES:
  - Etapa de renovación formal,  ligada á nova estética da NNG:  abrangueVento ferido, Cambio en tres e Xoguetes pra un tempo prohibido : realidade desacougante e opresiva, monólogo interior, obxectivismo, emprego  da 2ª persoa, presenza de elementos autobiográficos, ambientes predominantemente urbanos...
  - Etapa de madurez  (Os escuros soños de Clío, Ilustrísima, O sol doverán):  novelas máis realistas, centradas en situacións  históricas de distintos  períodos do século XX, sen renunciar ao elemento fantástico. Constante aparición do Mal, orixinado pola mentira, a calumnia, o engano... como motor dos conflitos sociais. Gusto   polo humor, a ironía, a parodia. 

 RODRÍGUEZ MOURULLOMemorias de Tains está composto por oito cartas que conteñen historias entrelazadas,radicadas nunha cidadeimaxinaria  xa desaparecida, que presentan unha atmosfera de angustia, de pesadelo.
   CAMILO GONZÁLEZ SUÁREZ-LLANOS (CAMILO GONSAR) publica algunhas das novelas máis representativas do grupo: técnica obxectalista, temática sobre a violencia e o absurdo humano, ambientacións afastadas da  realidade galega (Madrid, Nova York)... Cara a Times Square .

   MARÍA XOSÉ QUEIZÁNA orella no buraco  enmárcase de cheo na estética da NNG. Narra a biografía dun   emigrante fracasado, desde a atemporalidade e a partir de sucesivos monólogos. Nótase unha grande influencia   do nouveau roman na descrición obxectalista.

   XOHANA TORRES: a súa obra máis significativa é Adiós, María ((1970) novela iniciática que aborda a problemática da integración dunha familia de procedencia rural no mundo urbano dunha cidade na Galiza dos anos 60. Utiliza técnicas innovodoras como o monólogo interior ou o tempo subxectivo



VARIEDADES LINGÜÍSTICAS GALEGO

Unidade e variantes do galego Todas as linguas teñen distintas formas de falarse: unha estudante, un mariñeiro e unha médica, fal...