sábado, 30 de abril de 2022

NNG - O SUSO

Analizaremos as características da NNG presentes nestes relatos. As respostas deberán xustificarse achegando exemplos dos textos.
 O Suso
A voz do Suso chegou a min fortemente, como unha corneta que rinchase: -Manolito. Baixa. Baixa.
Eu obedecín. Todos os rapaces da Barbaña obedeciamos ao Suso. Il era sorprendente. Tiña uns ollos escuros; ollos de animal de baixoterra, opacos, fixos. Non era posíbel deixar de cumprir os seus desexos. Il non mandaba, simplesmente desexaba. Estivera tirando pedriñas contra os vidros do meu cuarto. Eu abrira a fiestra e el berroume duro:
-Manolito. Baixa. Baixa.
Baixei. Desencolgueime pola vella cepa, máis vella que o meu avó, aquela tan vella que facía garda inmóbil na porta da nosa casoupa da Barbaña.
-Hai un rapaz no río -díxome o Suso.
Eu non lle demandei se é que o rapaz afogara. Pero voltei a testa, inquirindo, como a testa dunha víbora. Respondeume:
-Está cerca da Pasarela. Ten os ollos abertos... Éche un rapaz.
Detívose e preguntoume pregando o entrecello:

-Tes medo?
Ía eu premitir que o Suso supuxera aquilo? En verdade tiña medo.
Pero o caso é que tódolos rapaces da Barbaña tolearían de pracer se Suso os fora tirar do leito ás dúas da mañá para ir ver un afogado. E eu mesmo sentía un pracer xugoso e doce, coma se mordera unha grande mazá que me enchera a boca.
Pro eu tiña medo e sabía que chegado o intre había ter aínda máis medo. Díxenlle: -Non. Non teño medo. E logo?
Puxémonos a andar á beira do río.
A néboa era lixeira, coma un cristal algo suxo. Facía frío. Saíra con roupa de menos e cando me din de conta daba dente con dente. -Estou aterecido, Suso.
Il non respondeu. Agora que recordo xa non dixo máis nada en todo o tempo que durou o noso camiñar á beira do río.
Daba eu un paso e un medo novo botábame unha poutada igoal que un gato bravo, alritado.
O río da Barbaña fede: alí concéntrase toda a merda de Ourense.
Ergueuse vento e tiven máis frío. Pero, sobre de todo, molestoume o grande rumor dos canavais, axitados coma unha cabeleira erecta que berrase. Fixeime no Suso. O Suso sempre tranquilizaba coa cara morena e fina que il tiña e os xeitos seguros. E a ponto estiven de berrar: o Suso ía coa cabeza baixa, camiñando con pasos inseguros, todo denotando nil inseguridade. Fiquei perplexo e pareime, cos ollos moi abertos. Il non fixo nada máis que isto: olloume fixamente, fixamente. Como soio il sabía ollar. Eu recuperei a calma no acto.
Saquei dous pitos que lle roubara ao meu pai. O Suso dixo que non coa cachola. Eu acendín un. Pareime. O Suso seguía a andar. Dinme de conta de que as pegadas do Suso non erguían absolutamente ningún bruído e por segunda vez estiven a ponto de berrare... Pro mordín o labre inferior e seguín, notando que un delgado sangue me escoaba polo queixo. O Suso parouse. Estaba algo lonxe de min, enriba dunha cañería de formigón armado. Pareceume alto e lonxe. E moito. Berroume como adoitaba berrar, como unha corneta:
-Manolito. Xa chegamos. Está na orela. Ti busca por alí. Eu vou por alá. As últimas palabras removéronme e puxéronme carne de galiña. Tatexei: -Non... Non...
E il repitiu:
-Eu vou por alá.
Vin desaparecer os seus ollos opacos e poderosos. Foise.
E eu púxenme a buscar o rapaz afogado ao resplandor escasísimo que viña do bairro do Couto.
O vento rizaba a iauga porca da Barbaña. E batíame o fedor na cara coma unha suxa mao. Metín un pé no río e mordeume un frío agudo.
E atopei ao rapaz afogado, na beira, a flor de auga.
Foise o medo inexplicabelmente.
Era un rapaz -visto antre a néboa, antre a iauga, á luz lonxana do Couto- de proporcións parellas ás do Suso ou ás miñas. Chamei: -Suso. Suso. Suso.
Fungaban -iso si- as canas, pero o Suso non me respostou.
-Suso. Suso. Suso.
Dinlle a volta moi asustado, pro sen medo. Dinlle a volta. O rapaz afogado tiña ollos de animal de baixoterra. Tiña os ollos do Suso. Tiña a ademirada cara do Suso. O rapaz afogado era o Suso.
Botei un berro liso e longo como unha lombriga. A néboa espesara. O vento quería fender os canavais. Voltei a berrar e o berro foi outra vez longo e repulsivo. Caín. Erguinme. Iniciei unha carreira cega.
Ao final da miña fuxida de pequena besta horrorizada, estaba a miña casa. E metinme na cama acorado e molladísimo.
Pasou o tempo.
Pasou o que quedaba de noite, nun estado de semi-inconsciencia.
E toda a rapazallada do bairro comenzou a berrar embaixo da miña fenestra: -Manolito, Manolito. O Suso afogou onte no río. O Suso afogou onte no río. Erginme e mirei o río. Era día grande. Non había néboa.
Xosé Luís Méndez Ferrín, O crepúsculo e as formigas, 1961

CARACTERÍSTICAS QUE PRESENTAN AS NOVELAS DA NOVA NARRATIVA GALEGA:





viernes, 29 de abril de 2022

NOVA NARRATIVA GALEGA (NNG)


VISUALIZAR A PARTIR DO MINUTO 14' 20"


A chamada “Nova Narrativa Galega” (NNG) é un conxunto de obras editadas entre fins dos 50 e comezos dos 70 que inauguran un novo xeito de narrar en contraposición ás fórmulas tradicionais, representadas no caso galego polas obras narrativas dos membros da Xeración Nós (Otero, Risco, Castelao) e dos seus continuadores (Carballo Calero, Ánxel Fole, Cunqueiro ou Neira Vilas).

A NNG supón unha asimilación consciente dunha serie de técnicas, temas e procesos fondamente renovadores utilizados na narrativa universal do século XX.

 INFLUENCIAS: Cambios na narrativa a nivel mundial: Freud, James Joyce, Kafka

CARACTERÍSTICAS QUE PRESENTAN AS NOVELAS DA NOVA NARRATIVA GALEGA:

● Fuxida da localización concreta dos espazos (aínda que é clara a preferencia por ambientes urbanos e non rurais), 
●    Redución temporal.
● Pluralidade de voces narrativas e alternancia de narradores en 1ª e 3ª persoa  e abundante emprego da técnica do monólogo interior (exploración do subsconsciente, discurso mental non pronunciado, fluír da conciencia)
● Creación de mundos literarios artificiais e enigmáticos e fusión desacougante e inquietante de realidade e fantasía.
● Tema do absurdo existencial, intentando producir un sentimento de angustia no lector. Esta narrativa manexa personaxes problemáticas, submidas en estados patolóxicos, na loucura e con personalidades desdobradas. Son figuras que non logran delimitar fielmente os límites entre soño e realidade.
● Presenza reiterada da violencia, da agresividade e da tensión nas relacións humanas. Os sexo e a morte son ideas obsesivas nestas novelas.
● Abundantes referencias literarias e culturais, uso de textos e fragmentos doutros autores, repetición de temas e motivos doutras obras (especialmente dos de Kafka). 

EN CONCLUSIÓN: 
-               TEMÁTICA:  Expresión do  absurdada  existencia,  pesimismo, desesperanza;  asasinatos, suicidios, fracasos   persoais, amor insatisfeito, soidade, illamento, episodios patolóxicos...
- PERSONAXES:  Perdidos, desnorteados, movidos polas  circunstancias,sen control do  seu destino, violentos,  agresivos, solitarios, desequilibrados, autodestrutivos...  antiheroes.
  - TEMPO:   Gusto pola ruptura da orde cronolóxica (analepeses, prolepses...) redución radical do tempo.  
 - ESPAZOS:  Maioritariamente urbanos ou suburbiais. Fuxida consciente do ruralismo. Ambientes claustrofóbicos, sórdidos. Cosmopolitismo, localizacións estranxeiras.
  - NARRADOR:  Preferencia pola primeira persoa  protagonista  e as perspectivas  obxectivistas, que mostran a   historia sen explicala, multiperspectivismo, monólogo interior.
  - ESTILO: Simple, oracións curtas, marcada tendencia ao coloquialismo,fuxida da retórica; descricións de natureza obxectalista; gusto pola mesturade xéneros,  pola narrativa “collage”.

(a partir do min 14)


 PRINCIPAIS OBRAS E AUTORES DA NOVA NARRATIVA GALEGA
Por regra xeral acostuma indicarse como data fundacional 1956, ano en que se publica Memoria de Tains, de Gonzalo Rodríguez Mourullo. A data límite é máis borrosa: para algún péchase coa publicación en 1972 de Adiós, María, de Xohana Torres; para outros prolóngase aínda en novelas como Cara Times Square (1980), de Camilo Gonsar.

   X. L. MÉNDEZ FERRÍN:  
As súas tres primeiras obras encádranseclaramente dentro das características da NNG:  personaxes  problemáticos (violentos,  incomunicados, con diversas patoloxías...), espazos urbanos, estilo  menos elaborado.... A partir de Retorno a Tagen Ata (1971), o experimentalismo vaise reducindo, ao tempo que a  realidade social e politica galega vai cobrando máis peso.
-       Reconstrución e interpretación dun pasado mítico que remite á cultura celta ou á materia artúrica.
-       Constante relación entre realidade e fantasía.
-       Profusión de topónimos e antropónimos de aparencia céltica, oriental ou nórdica: Ulm, Nmógadah, Grieih...
-       Creación de espazos literarios propios cargados de simbolismo: Tagen Ata, Terra Ancha, Grande Fraga...
-       Grande presenza de  intertextualidade:  personaxes, espazos, situacións, que se van repetindo  en obras diferentes e incorporación de elementosliterarios doutros autores.
    Obras:  Percival e outras historias,  O crepúsculo e as formigas, Arrabaldo do norte, Retorno a Tagen   Ata, Bretaña, Esmeraldina, No ventre do silencio.

  CARLOS CASARES:
  - Etapa de renovación formal,  ligada á nova estética da NNG:  abrangueVento ferido, Cambio en tres e Xoguetes pra un tempo prohibido : realidade desacougante e opresiva, monólogo interior, obxectivismo, emprego  da 2ª persoa, presenza de elementos autobiográficos, ambientes predominantemente urbanos...
  - Etapa de madurez  (Os escuros soños de Clío, Ilustrísima, O sol doverán):  novelas máis realistas, centradas en situacións  históricas de distintos  períodos do século XX, sen renunciar ao elemento fantástico. Constante aparición do Mal, orixinado pola mentira, a calumnia, o engano... como motor dos conflitos sociais. Gusto   polo humor, a ironía, a parodia. 

 RODRÍGUEZ MOURULLOMemorias de Tains está composto por oito cartas que conteñen historias entrelazadas,radicadas nunha cidadeimaxinaria  xa desaparecida, que presentan unha atmosfera de angustia, de pesadelo.
   CAMILO GONZÁLEZ SUÁREZ-LLANOS (CAMILO GONSAR) publica algunhas das novelas máis representativas do grupo: técnica obxectalista, temática sobre a violencia e o absurdo humano, ambientacións afastadas da  realidade galega (Madrid, Nova York)... Cara a Times Square .

   MARÍA XOSÉ QUEIZÁNA orella no buraco  enmárcase de cheo na estética da NNG. Narra a biografía dun   emigrante fracasado, desde a atemporalidade e a partir de sucesivos monólogos. Nótase unha grande influencia   do nouveau roman na descrición obxectalista.

   XOHANA TORRES: a súa obra máis significativa é Adiós, María ((1970) novela iniciática que aborda a problemática da integración dunha familia de procedencia rural no mundo urbano dunha cidade na Galiza dos anos 60. Utiliza técnicas innovodoras como o monólogo interior ou o tempo subxectivo



domingo, 17 de octubre de 2021

SAMAÍN

Xa que estamos na semana do Samaín... aquí tedes un vídeo que recolle unha pequena historia para explicarvos unhas pouquiñas cousas sobre o Samaín (o "Halloweeen" celta)



ACTIVIDADES VARIADAS SAMAÍN

VIÑA DO ALÉN! RELATO DE ÁNXEL FOLE

Fora na feira de Rubián. Entón adicábame a mercar e vender gado. Ganabahastra vinte pesos por semá tratando nos bois... Era polo mes de xaneiro. Xa asaran os Reises.
Eu i outros tratantes xantáramos en cas do Tumbarán. Bon xantar, e que Dios nono-lo dea pior. Chourizos con cachelos e viño de Lor. Eramos catro: o Chinchas, Pelandrusco, o Fogueteiro i eu. Come que come, bebe que bebe, xoga que xoga. O Pelandrusco chegounos a melar un tras outro. Esquencinme de decirlles que xogábamos nun cuarto do piso. Xa vendéramos todo o gado que trouguéramos. Pechámo-la porta tras nós; e xa comprenderán por qué. Ondia hai cartos hai que ter moito procuro. Non coiden que é unha broma. Bueno ... Veña un trago ... Alí había un home ... Non sei que cousa de raro lle atopaba ó seu vestido. Dende logo, non era xa do noso tempo. Levaba unha chaqueta de pana moura ribeteada de alpaca ... Aínda traguía unha asín a muller de don Ánguele, o boticario de Bóveda. I unha camisa almidonada ... Déixenme acordare. Un chaleque color tabaco. E antiparras. Era un home que tería sesenta anos pouco máis ou menos. E parecía home de carreira. Coma todos nós, estaba coas cartas na man. Non daba fala. Dábame medo ... E moito máis me deu.
Iba un tute, mais outramente non sei quen ganaba. O Chinchas remataba de cantare as coarenta, berrando moi forte; o Fogueteiro petaba co puño na mesa; eu... eu erguía a testa pra fitar aquil home ... Xa non estaba alí! Ollei pra un lado e pra outro. Nada. Nin que o levara o demo. Abofé que non me sentía ben. Non poiden menos de pedirlles ós meus compañeiros que deixasen de xogare: 
-Non víchedes un home xa vello, de chaqueta moura, un case nada rabena, que estaba xogando cara min, co correlo prá porta? Con quen de vós veu? Fai un intre que desapareceu, i eu non sentín abri-la porta. Quen o viu marchar? Naide o vira, ou naide reparara nil. Puxéronse todos a conta-los cartos.
Despois de moitas contas parecía que non faltaban nin dous reás.
Erguinme. A xanela i a porta estaban pechadas. Non entendía aquilo. Mais cando din a volta pra me volver a sentare, ollei pra un gran retrato de marco doirado que estaba na parede, á esquerda da xanela. Era igoaliño! Ó fixarme nil sentín unha friaxe no carreguizo, coma cando soupera, faguía moitos anos, que me tocaba fague-lo servicio na terra de mouros. Todos calaban. Ouvín a voz do Pelandrusco:
-Esquence iso. Debéronte ameigar cando saliches da casa. Así Dios me salve.
Mais eu non estaba pra risas. Aquil home era o do cuadro! Boteime fóra, e fun busca-lo Tumbarón á taberna, que estaba no baixo. Moitos feirantes había nila.
O taberneiro i as súas fillas despachaban cafeses, copas, vasos, pantrigo, queixo ... Eu debía estar moi pálido, porque o Tumbarón perguntoume:
-E que che pasa? Vaiche mal?Queres unha copiña de augardente de herbas? Éche moi boa pra os males súpetos.
Mais non lles dixen aínda coma era o Tumbarón. Era un home moi corpulento, forte coma un penedo. Cando algún borracho barullaba moito e teimaba por non saír da taberna, il non andaba con requisitorias nin prosmadas.
Collía un mazo de madeira de alcacia, que tiña pra billa-los pipotes, i asentáballe dous golpes ben dados no curuto da testa. Cos seus setenta anos aínda cargaba con dúas fanegas de pan ó carrelo. Mais isto non facía ó caso
Fumos os dous a unha mesa arredada que estaba valeira. Mandou traguer uns cafeses i unhas copas.
Conteille o que me pasara. O Tumbarón escoitaba sen perder fala. De pouco en pouco acendía un cigarro.
-Non ,creias -lle decía eu- que tolecín. Vino todo polos meus propios ollos, coma te estou vendo agora a ti. O home do cuadro i o home que xogaba connosco, eran a mesma persoa. Tampouco se pode decir que fora o viño, pois empezaba a beber. Todo era igoaliño; as fazulas afundidas, os ollos cansos. E non era unha pantasma, porque lle sentía o folgo. Ninguén o viu saír, nin eu tampouco. Millor dito, eu fun o único que o vin alí ... Qué che parece?
O Tumbarón aínda tardou en responder. Non sei que cousa rara lle notei na ollada.
O home do cuadro -dixo- morreu fai máis de vinte anos.
Esterrecinme ... Il seguíu falando:
-Era Don Venancio, o que foi médico diste pueblo. Eu queríao moito.
Salvárame da morte no tempo da gripe. Se non fose por il, xa estaría no ichó, debaixo das pedras. Mais il non pudo salvar a súa muller, nin as súas tres fillas. En menos dun mes levounas a morte a todas tres. Don Venancio cambeou de todo; xa non era o mesmo home. Meteuse na bebida e xogaba todo o que tiña. Levábame o demo ó velo tumbado polos camiños. Morreu na probeza. Os seus herdeiros, que viñeran a se faguer cargo do pouco que deixara, tiveron que vende-los muebles pra
pagar as deudas. Todo o que lle quedou non valería nin dous mil reás. E iso que fora o millor médico que houbo eiquí. No mesmo cuarto ondia están os xateiros agora, xogaba todo o que ganaba. Eu mercara algún mueble e tamén o retrato.
Tíveno sempre no cuarto de matrimonio. Mais houbo que saca-lo de alí e poñelo ondia ti o viches.
O Tumbarón arrechegouse a min. Botándome o bafo na orella, díxome con voz baixiña:
-A miña muller tamén o viu ... Sabes? Viña do outro mundo!
Saín en procura dos meus compañeiros. Berreilles dende o pasadelo, pois non quería entrar no cuarto. Aínda estaban xogando e baduando. Recordeilles que tíñamos que faguer máis de catro leguas de camiño. A forza de berrarlles conseguín arrinca-los de alí. Fumos á cuadra, a arrea-las bestas ...
Era unha noite estrelecida. Xeaba. Pronto saíu a lúa. Cáseque se vía como de día. As bestas parece que tiñan aínda máis presa que nós de chegar á casa. Eu camiñaba un pouquichiño atrás.
Un estrano desacougo faguíame ir calado ... Sentín que unha ollada se me chantaba na caluga. Non sei si dixen ben. Xa non puiden arresistir máis. Virei a testa. Nunha revolta do camiño había un home vestido de negro. Acenábame coa mao direita. Tiña algo nila. Non era un pano; máis ben unha carteira ...
Endexamais volvín a colle-las cartas.

 Curta de animación baseada nun conto de Ánxel Fole (Á lus do candil )

 imaxe1ex6narrativa.jpg



O medo
Cando o corvo da noite se pousaba
nas derradeitas luces do solpor,
os meus ollos de neno
enchíanse de bágoas e de lóstregos.
O vento que fungaba nas vereas
era un home langrán envolto en brétema
cun fol ó lombo pra levar meniños. 
Os albres semellaban
pantasmas de cabalos desbocados
agallopando os eidos.
Un medo que me viña das
raíces do mundo
tremíame no sangue.
Pasaba o xornaleiro asubiando
con dous luceiros prendidos na eixada,
i eu tiña medo.
Pasaba o cazador
con bafexantes cans
arrecendendo a toxos e carqueixas
i eu tiña medo.
Pasaban de ruada os fortes mozos
que voltaran da guerra tan contentes,
i eu tiña medo.
Ao pasar ó meu lado e verme os ollos,
alporizados, pasmos, decíanme:
“Non teñas medo”,
 i eu tiña medo
Soio cando chegaba ós meus ouvidos
a doce voz de mel da miña vella,
xa non tiña medo.
Agora non comprendo
como aquil ser cativo,
aquela vella nena tan endébel,
(nos eus ollos azures
había luces de amenceres novos)
podía escorrentar tan grande medo.

O soño sulagado, Celso Emilio Ferreiro


Imos agora a escribir unha historia de medo... 

- COMEZOS: Nunha noite escura ía camiñando... , Sempre evitaba pasar por ... , Era unha noite de tormenta.Chovía..., Hai moito tempo .... , Contan os que lo viron que ... e Sempre me preguntei porque...

- PERSONAXES: unha moura, un ancián, unha meiga, unha pantasma, un espírito, a santa compaña....

- ESPAZOS: un bosque, un castelo en ruinas, un cemiterio,  unha cova  unha casa abandoada...

- OBSTÁCULOS: O personaxe principal escoita un son estraño, o personaxe principal está eprdido e só, o personaje principal ten que salvar a alguén, o personaxe principal é atrapado, o personaxe principal é perseguido, o personaxe principal está abandoado.....




sábado, 15 de mayo de 2021

NNG - TRABALLOS ALUMNOS

PEDRO OTERO COUSO


ALMUDENA ÁLVAREZ GUTIÉRREZ 

NNG - POWTOON 

ALBA ANDRADE AREA

SABELA RUIBAL

UXÍA BUEZAS



LUCÍA PAZOS

KIARA FRAGA

LARA GUIMERÁNS


VARIEDADES LINGÜÍSTICAS GALEGO

Unidade e variantes do galego Todas as linguas teñen distintas formas de falarse: unha estudante, un mariñeiro e unha médica, fal...